martes, 6 de marzo de 2018

Eu si secundo a folga internacional do 8 de marzo.

Como muller fáiseme bastante difícil (por non dicir imposible) entender a toda muller que non se defina feminista por unha simple razón: que muller no seu sano xuízo non defendería a igualdade entre homes e mulleres? 
Pero vou ir máis aló, tampouco logro entender a todo aquel home que non o sexa, porque que persoa no seu sano xuízo non defendería a igualdade entre homes e mulleres?

Entón é cando esperto do meu soño e me atopo coa realidade:
- Fenda salarial.
- Teito de cristal.
- Desigualdade de oportunidades laborais.
- Desigualdade de reparto de tarefas domésticas.
- Violencia de xénero.
...
Isto significa que unha alta porcentaxe da sociedade, e entre ela unha alta porcentaxe da sociedade que ten capacidade de decisión, non é feminista ou non sabe sequera que ser feminista é unha opción.

O seguinte co que me atopo é que moitas persoas non saben a definición de feminista, e cren que o feminismo é o movemento contrario ó machismo!!! E a realidade pégame unha bofetada en toda a cara.
Non señor@s, o feminismo non vai en contra dos dereitos dos homes, as feministas non odiamos ós homes, as feministas non queremos a supremacía da muller. NON.
As feministas queremos homes feministas ó noso carón, cos que ir da man e construír un futuro mellor. 
As feministas queremos un mundo máis xusto para as xeracións que veñan detrás, e cremos que iso comeza con situarnos na sociedade como persoas con igualdade de valía que os homes, con igualdade de oportunidades, de dereitos e tamén de deberes. TODO.

E somos capaces de ver máis aló da nosa situación particular, na que nos poidamos sentir satisfeitas das oportunidades disfrutadas, do trato recibido, dos retos acadados,... Vemos máis aló e somos capaces de discernir que a realidade doutras mulleres non é esa, que se vén relegadas a un segundo plano nas súas vidas laborais ou relegadas na totalidade cando deciden ser nais, ou que teñen que sufrir entrevistas de traballo con preguntas persoais que un candidato varón non sofre, ou que son denigradas e maltratadas nas súas vidas en xeral só por ser mulleres, porque moit@s aínda pensan que somos seres inferiores ó home,...
E por isto, por todo isto, vémonos obrigadas a loitar, a darlle visibilidade a esas mulleres, que sofren a desigualdade nas súas carnes, todos os días, todas as horas, todos os minutos, todos os segundos das súas vidas.

Este é o sentido da folga do 8 de marzo, de ámbito internacional. É o sentido de visibilizar que somos importantes, que somos válidas, que nos merecemos a igualdade.

Persoalmente quero que o meu fillo varón (si, VARÓN) teña claro que o xénero non importa, que os deberes familiares son compartidos, que as oportunidades laborais son as mesmas.
Quero que o día de mañá poida disfrutar da crianza d@s fill@s en igualdade coa parella, o mesmo tempo (permisos intransferibles, iguais e suficientes), que saiba implicarse no coidado dos seus maiores, ou que en caso de divorcio disfrute das mesmas posibilidades que a súa parella. E isto só é posible cun mundo feminista.

O FUTURO SERÁ FEMINISTA OU NON SERÁ.

E por todo isto, EU SI FAREI FOLGA O 8 DE MARZO, apoiando a todas as mulleres que a fagan e a aquelas que por casuísticas persoais non poidan, pero que a apoiarán doutras formas: redes sociais, paros puntuais, vestimenta ou incluso discurso feminista e por suposto nas manifestacións que terán lugar en distintos puntos do mundo.
Porque esta é a oportunidade de facernos escoitar, porque é unha PROTESTA de carácter MUNDIAL, secundada por máis de 40 países. Porque o problema é real, porque existe, porque o sufrimos como sociedade e é unha lacra que nos impide evolucionar e porque se ten que acabar XA.

Con todas as declaracións políticas dos últimos días de varios partidos do noso país en contra da folga, con razóns oxidadas e arcaicas, só se demostra unha vez máis que a maioría dos nosos dirixentes non están á altura, que non comprenden as necesidades reais da sociedade, e que desprezan os problemas cotidiáns cos que nos atopamos o 50% da poboación.

2 comentarios: